Atopar ao abrir Facebook unha tira de Luís Davila promocionando o LGx15 é todo un pracer e unha honra, e como o evento terá lugar mañá, non está de máis publicar un pequeno recordatorio do que se desenvolverá mañá na Sala Capitol de Compostela a partires das 18:00 horas.
O evento está composto por charlas semellantes ás do TEDxGalicia, que teñen un límite de duración de 15 minutos, e que contarán cun regueifeiros (Josinho da Teixeira e Luís O Caruncho) dando paso aos distintos relatores. Comezará María Yáñez falando da Primavera millennial para o galego, no que promete ser unha boa escolma de frikadas que podemos ver na Rede; Alberte Lamazares, Diana Fernández e David Díaz e Rosalía Fernández Rial continuarán até a actuación dos Poetarras, que agasallarán aos presentes con 3 temas; logo tocaralle a Belén Regueira achegar consellos aos neofalantes; seguiranlle Mark Wiersma e Elena Ferro, para tocarlle rematar a un tal Marcus Fernández.
Os que se acheguen poderán vivir unha sesión vespertina de reivindicación da lingua galega da que confío que gozarán, e para o resto, cómpre lembrar que as intervencións gravaranse en vídeo para poder logo verse en YouTube. Como boa mostra podedes ver agora as 12 intervencións do ano pasado.